Sunday 05 de May de 2024

A Academia Galega de Segurdade Pública renova en case un 50 por cento o seu plan formativo para o ano 2015


O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presidiu o Consello Reitor da Academia e deu a coñecer as principais novidades do curso do ano que vén

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presidiu a reunión do consello reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), onde se aprobou o plan formativo 2015, que se caracteriza por unha renovación de case o 50 por cento dos cursos de emerxencias e seguridade pública.

Un ano máis, a Agasp reforza a súa aposta pola formación cunha ampla e variada oferta de actividades dirixidas ao persoal dos corpos da Policía Local e Autonómica, servizos de emerxencias municipais e supramunicipais (GES), bombeiros e profesionais e voluntarios de protección civil. En total, no 2015 ofertaranse máis de 3.800 prazas e impartiranse ao redor de 6.850 horas lectivas.

Para os corpos e forzas de seguridade haberá un total de 81 cursos diferentes para atender ás demandas e ás necesidades reais dos profesionais deste ámbito. Neste caso concreto, máis da metade dos cursos, 43, resultarán novidosos no plan de formación. O resto modificase de acordo á nova normativa e protocolos de actuación.

Tamén é de destacar que en 2015 vaise incidir na especialización dos axentes en materias que lle son propias directamente e na perspectiva social do traballo policial en materias sensibles como violencia de xénero, onde se cambia por completo os roles desta formación, pasando a primar o trato a vítima e os aspectos psicolóxicos do maltrato.

Así mesmo, tamén se vai formar aos policías na detección de condutas predelitivas de menores, respondendo deste xeito ás suxestións e peticións feitas dende os colexios oficiais de psicoloxía e traballo social de Galicia. Neste novo exercicio vaise dar máis importancia á función de prevención dos policías e poner o acento naquelas condutas que a pesar de non constituír delitos poden ser indicadores da súa comisión no futuro.

Máis de 60 cursos de emerxencias
Pola súa banda, no Consello reitor tamén se presentaron as actividades orientadas aos servizos de emerxencias de Galicia durante o primeiro semestre de 2015, onde haberá 62 cursos diferentes e una renovación de Contidos que supera o 40 por cento.

Neste caso, entre outros asuntos, incidirase na especialización dos responsables das agrupacións e asociacións de protección civil e na realización de cursos de actualización tanto para os mandos como para os voluntarios, atendendo a una petición feita polas propias asociacións.Tamén se ampliará o curso básico de protección civil, engadindo novos contidos e aumentando as clases prácticas.

No relativo á formación de bombeiros e GES, introdúcense os itinerarios formativos para a obtención da cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento e realizaranse dous cursos de formación inicial para bombeiros, cun total de 800 horas de formación. Así mesmo, para que todos os voluntarios que queiran formarse non perdan a oportunidade de facelo, repítense cursos realizados deste ano nos que a demanda foi moi superior as prazas ofertadas. É o caso dos cursos de rescate en ríos, incendios de interior ou “manexo das emocións”, entre outros.